Saltar a: Menu | Corpo | Pe

Oficina de Vida Independente

"Vida independente" significa poder realizar as mesmas actividades que as demais persoas, aínda tendo unha dependencia importante (neste caso física), de acordo cos intereses particulares, persoais e profesionais de cada persoa con minusvalidez (diversidade funcional).

Para que iso sexa posible, é fundamental a existencia dos Asistentes Persoais e, en particular, da autoxestión destes, mediante o control dos servizos de atención que prestan á persoa con diversidade funcional. Igualmente, é imprescindible para poder desenvolver unha vida activa, que os devanditos servizos de atención estean en función das súas necesidades reais (algunhas persoas con gran diversidade funcional necesitan moitas horas de asistencia persoal para poder levar unha vida activa e independente).

O Movemento de Vida Independente, articulado en España a través do Foro de Vida Independente (FVI), promove a creación de lexislacións, políticas sociais, recursos e servizos eficaces e efectivos para paliar a discriminación e desigualdade social das persoas con gran diversidade funcional; para que poidan decidir sobre as súas propias vidas e participar en todo aquilo que lles incumba directamente, porque desexan ser cidadás e cidadáns de pleno dereito.

ASPAYM-Galicia súmase á implantación deste movemento e a súa filosofía, promovendo a creación dunha Oficina de Vida Independente (OVI) en Galicia, a cal ofrecería non só Servizos de Asistencia Persoal senón, tamén, un "Servizo de Asesoramento e Formación en Vida Independente e Asistencia Persoal". Este programa estaría enmarcado dentro do Articulo 19 da Convención de Dereitos Humanos das Persoas con Minusvalidez da ONU (decembro de 2006), a cal acaba de entrar no ordenamento xurídico español, o pasado 3 de maio de 2008. Neste artigo fálase sobre o "Dereito das persoas con diversidade funcional a vivir de forma independente e a ser incluídas na comunidade".

O obxectivo prioritario desta oficina é promover a autodeterminación e a independencia das persoas con diversidade funcional física, favorecendo a súa permanencia no ámbito habitual e, polo tanto, a súa inclusión na comunidade. Para iso, contaríase cun equipo fixo de Asistentes Persoais, que traballarían cos lesionados medulares participantes, axudándolles a realizar distintas tarefas tales como: levantarse, deitarse, estudar e/ou traballar, realizar actividades deportivas, de ocio e tempo libre, viaxar, ir de vacacións...

Preténdese, polo tanto, que as persoas con gran diversidade funcional teñan a oportunidade de tomar as rendas das súas vidas, e formularse un proxecto de vida activa. Todo iso, revertería positivamente na sociedade galega en xeral, en tanto que estas persoas poderían exercer o seu dereito á plena cidadanía, participando en todos os ámbitos da comunidade en igualdade de condicións e, polo tanto, achegando riqueza e valores humanos a esta.

Para lograr o noso obxectivo, buscamos o apoio das administracións públicas, empresas privadas e cidadáns particulares, sexan ou non lesionados medulares.

Realizar solicitude

Si é usuario rexistrado

Apoie aquí nosa demanda para a creación dunha Oficina de Vida Independente en Galicia.

Si todavía non está rexistrado

Para realizar este trámite é necesario estar previamente rexistrado como usuario en Aspaym-Galicia. Pinche sobre o botón que aparece a continuación para proceder ao rexistro de forma gratuíta. Unha vez finalizado, poderá realizar esta solicitude.

  • Asóciate
  • Rexístrate
  • Colabora
  • Alertas
  • Preguntas Frecuentes
  • Lexislación
  • Ligazóns Recomendadas
  • Contatar
  • Contatar
laboratorios
  • Coloplast España
  • Hollister
  • La sonda Lofric