Saltar a: Menu | Corpo | Pe

Recoñecemento da ONCE ao turismo accesible de Arousa Norte

8 de febreiro de 2012  aspaym


A Mancomunidade Arousa Norte viu recoñecido onte o seu traballo a favor do turismo accesible co galardón obtido na quinta edición dos Premios Solidarios da ONCE, que foron entregados onte no Hotel NH Atlántico da Coruña, nun acto que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Albetro Núñez Feijoo, e o máximo responsable da ONCE. O premio foi recollido polo presidente da Mancomunidade e alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas, ao que acompañaron a xerente da entidade supramunicipal, Montserrat Iglesias, e a animadora turística, Irene Maneiro, ademais dos alcaldes dos outros tres municipios da bisbarra, Adolfo Muífios, Isaac Maceiras e Juan José Dieste. 

A Organización Nacional de Cegos valorou o traballo e esforzo da Mancomunidade para facilitar o acceso ao destino turístico de Arousa Norte a persoas invidentes a través dos paquetes "A perla negra da Ría de Arousa. A ruta do mexillón sensitiva" e "Somérxete en Arousa Norte. Bautismo de mergullo". Na primeira delas os invidentes son introducidos de xeito sensitivo en todo o proceso de crecemento do marisco, dende que se pon a semente na corda ata que o produto remata no prato. Entre outras cousas, poden tocar as cordas cos mexillóns pegados e, por suposto, realizar unha cata e descubrir o sabor e a calidade dos mexillóns da Ría. En canto ao bautismo de mergullo, instrúeselles no manexo do equipo de submarinismo para que logo, nunha piscina, poidan gozar da ingravidez que se sente na auga en solitario. Despois desta experiencia descríbeselles de forma amena e sensitiva a diversidade que existe no fondo da Ría de Arousa. 

Pero non remata todo aquí, xa que neste proxecto pioneiro en España se inclúen tamén aloxamentos en establecementos adaptados, menús degustación en locais de hostalaría da zona e diversas actividades de ocio. Entre elas está a visita ao miradoiro da Curota no que, tras unhas explicacións moi descritivas a través da man, se poden facer unha idea de como é a Ría de Arousa.

Por todo isto, para Irene Maneiro, coordinadora de varios proxectos, "este é un recoñecemento ao esforzo, traballo, e implicación de todos os colectivos que axudaron a facer realidade esta iniciativa".  Sobre todo aos empresarios e hostaleiros que participaron nun curso de sensibilización e adaptaron os seus negocios para poder atender as necesidades das persoas invidentes, pero "tamén aos catro alcaides, por apostar por esta proposta". A grande acollida que está a ter esta iniciativa fai que o proxecto teña continuidade no tempo con accións innovadoras encamiñadas a conseguir a accesibilidade universal e deste xeito achegar a oferta turística de Arousa Norte a un maior número de persoas. 

Fonte:
Diario de Arousa
  • Asóciate
  • Rexístrate
  • Colabora
  • Alertas
  • Preguntas Frecuentes
  • Lexislación
  • Ligazóns Recomendadas
  • Contatar
laboratorios
  • Coloplast España
  • Hollister
  • La sonda Lofric