Microlabora: o portal da ONCE
A Fundación ONCE acaba de presentar a empresarios españois o seu proxecto "Microlabora", unha nova ferramenta de emprego que aproveita as novas tecnoloxías para favorecer a inserción de emprego de persoas con discapacidade.
A iniciativa conta co portal Microlabora, unha plataforma 2.0 de conexión entre empresas e colaboradores con discapacidade onde se poderán realizar pequenos encargos profesionais ou microtarefas en modalidade de teleservicio, aproveitando para iso ferramentas e recursos principalmente vinculados ás novas tecnoloxías, internet, correo electrónico e mensaxería instantánea, así como outras formas de comunicación cada vez máis potentes.
O proxecto busca tamén facer posible o contacto directo entre empresas e persoas con discapacidade. O portal estrutúrase en dúas áreas, unha específica para a empresa e outra para colaboradores; en ambos os dous casos é necesario rexistrarse. Ademais, conta cun buscador de microtarefas na páxina de inicio. Todas as empresas interesadas poden dirixir as súas consultas á dirección ‘info.gestion2.0@technosite.es’.
Microlabora enmárcase no "Plan Avanza2, financiado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio para potenciar o achegamento das persoas con discapacidade ao mercado laboral e, ao mesmo tempo, facilitar ás empresas o coñecemento das potencialidades laborais das persoas con algunha discapacidade.



















